Cantos
rianxeiros e rianxeiras somos?A que se adica a xente de Rianxo? Que
herdamos dos nosos devanceiros? Que é o bico da ría? E o castelo da lúa?
E a aldea maldita? Quen foi Manuel Antonio? E Castelao? Sabemos
explicar a razón de que non se poida dicir nin escribir Rianjo? E alguén
pode contar a historia completa da Rianxeira?
Se sentes curiosidade e queres coñecer a resposta a todas estas preguntas, invitámoste a desenvolver con nós este proxecto: Rianxo 2016.
Os
teus profesores e profesoras de Linguas e de Ciencias Sociais queremos
espertar a túa curiosidade pola contorna, polo teu territorio máis
próximo; queremos acompañarte nun proceso de investigación que che leve a
atopar as respostas a todas esas preguntas e a moitas outras que poidan
xurdir durante o camiño; desexamos estimular a túa creatividade para
que sexas quen de producir todo tipo de textos por ti mesm@ e crear un
produto artístico final co que presumir diante d@s demais. En
definitiva, queremos que aprendas divertíndote!
O camiño
Botaremos
a andar investigando arredor da Xeografía de Rianxo. Procuraremos
dixitalmente mapas do concello e elaboraremos tradicionalmente o mapa do
noso roteiro, porque a meta que perseguimos é deseñar un Roteiro que recolla os lugares de interese para nós, así como os persoeiros e as lendas vinculados a eses lugares.
Teremos
que buscar información, servíndonos das novas tecnoloxías, arredor do
Patrimonio, da Literatura, da Historia, da Economía, da Música... de
Rianxo. Tamén teremos que botar man de modelos que nos permitan producir
os nosos propios textos, para poder describir as nosas paisaxes, expor a
información arredor da biografía dos nosos autores ou narrar as lendas
vinculadas ao noso concello. E, finalmente, teremos que ter cerca varios
dicionarios en todas as linguas que estudamos para poder nomear a nosa
realidade en todas elas.
Para non perdérmonos na nosa viaxe, este Blog serviranos de Guía. Aquí atoparemos toda a información que precisamos para andar o camiño, así como as Actividades e Tarefas que debemos realizar para acadar a nosa meta.
Traballaremos en equipo, na aula, pero recolleremos a información de xeito individual, en Fichas, que gardaremos para engadir ao produto final da nosa viaxe.
A meta
O produto da nosa viaxe será un Tríptico,
que deberá recoller organizadamente a información obtida entre tod@s e
servirá para guiarnos a nós e aos nosos invitados e invitadas ao longo
do Roteiro por Rianxo, que constituirá a actividade extraescolar coa que pecharemos o noso proxecto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario