Unha exposición dá a coñecer información con obxectividade, non aporta opinións, e faino cunha linguaxe clara e precisa.
Cando nos poñemos a "redactar un tema", é dicir, a elaborar un texto expositivo, debemos ter presente a finalidade do mesmo ("para que?"), pois non é o mesmo expor información nun exame para demostrar coñecementos que expor información nun tríptico que pretenda informar e orientar a posibles visitantes de Rianxo. Tamén debemos ter en conta os nosos destinatarios ("para quen?"), pois non é o mesmo escribir para guiar a rianxeir@s por un roteiro do seu concello que a uns posibles visitantes que veñan a descubrir un territorio que ignoran.
Antes de poñernos a escribir, debemos investigar sobre o tema arredor do cal queremos informar. Para o cal debemos consultar as fontes sinaladas polo profesor/a.
Nesas fontes seleccionaremos as ideas principais, que nos permitan elaborar un resumo con palabras propias, sen "fusilar por anacos".
Cando acabemos de elaborar o nos texto expositivo debemos engadir as fontes utilizadas e debemos citalas adecuadamente.
Finalizada a nosa tarefa, debemos realizar unha revisión da mesma, é dicir, autoavaliar o labor realizado para corrixir os posibles erros antes da entrega da mesma ao profesor/a. Para iso compararemos os contidos do noso texto expositivo cos das fontes utilizadas, comprobando que non copiamos, que producimos un texto novo, coas nosas palabras e que cumpre as propiedades textuais, é dicir, que nos expresamos con coherencia e adecuación; tamén comprobaremos que as partes do noso texto están ben conectadas e que a ortografía é correcta. Podemos utilizar un corrector ortográfico en liña de galego.
Unha vez entregada a tarefa, os criterios que o profesor/a utilizará para avaliala serán os seguintes:
- Segue as indicacións dadas polo profesor/a
- Procura información nas fontes dadas
- Selecciona adecuadamente as ideas a partir das fontes dadas
- Sérvese dun esquema ou dun resumo para recoller as ideas seleccionadas
- Inicia o seu texto cun título
- Reproduce a estrutura dun texto expositivo
- Elabora parágrafos diferenciados pero cohesionados
- Utiliza un rexistro formal
- Utiliza un punto de vista obxectivo
- Emprega un léxico preciso e correcto
- Emprega conectores adecuados
- Expresa relacións causais e consecutivas
- Utiliza enumeracións e descricións
- Sérvese de exemplos
- Sérvese de citas
- Non repite ideas
- Non cae en contradicións
- Non utiliza información innecesaria
- Respecta as normas gramaticais e ortográficas
- Presenta a súa tarefa con limpeza e intención estética
Para saber máis:
TAREFA. Rianxo, un paseo pola Historia da Literatura Galega á beira do mar.
- Procura información arredor de Rianxo e a súa importancia na Historia da Literatura Galega. Fonte: Un paseo por Rianxo
- Procura información arredor dos máis notables persoeiros que Rianxo aportou á Literatura Galega. Fonte: O mar feito tradición
- Selecciona a información pertinente nas fontes dadas para elaborar con esa información un texto expositivo (de entre 100 e 150 palabras).
- PARA A ELABORACIÓN DO TEXTO EXPOSITIVO, NON ESQUEZAS SEGUIR AS INDICACIÓNS DADAS E RECOLLIDAS A TRAVÉS DOS ENLACES E NOS DOCUMENTOS QUE SE ENGADEN A CONTINUACIÓN:
Ningún comentario:
Publicar un comentario